Próxima saída: 09 de febreiro Fervenzas de San Paio e Santa Leocadia. Mazaricos

Data: 09 de febreiro.  Pateada: "Fervenzas de San Paio e Santa Leocadia. Mazaricos"
Saída: nº 180

Fórmula nova e guía novo. Imos probar a facer un popurrí de circular-linear no mesmo día.
Luís (un experto Traski / Trasno de pura cepa) vainos dar a coñecer unha ruta que abriu hai un tempo polas fervenzas do río San Paio no concello de Mazaricos.
Acompañaranos tamén Ramón como compañeiro de Luís en aventuras de apertura de rutas e guía.
A ruta “oficial” de Calcorreiros é o sábado día 9 de febreiro, mais, aquelas persoas que queiran quedar para o domingo, haberá tamén ruta pola Estrada.

Lugar e hora de saída: Casa Gallardo. Alto de Puxeiros, Concello de Mos. Ás 9:30 horas.
Xuntámonos en Puxeiros, os que queiran, para optimizar o número de coches.

Quen prefira, pode aparecer no lugar da saída que se publicará na Taberna, coma sempre. Cadaquén debe tomar nota da folla de ruta para chegar ao lugar de saída. NON FACEMOS CARAVANAS.

Tipo de percorrido: Circular e linear (Mixto)

Dificultade: Media.
É unha ruta a carón de ríos e regatos adxacentes. Así pois, dependendo de se ese día chove, o terreo estará máis esvaradío do común. Hai algún anaco técnico. E tamén un treito de pasadizo en altura, pola canle dun encoro.

Duración aproximada: 7 horas RCE

De interese:
Ruta 1 do sábado 09-02-19: Circular de 11 km.: 18 fervenzas das 20 existentes no río San Paio e regatos, pontes de madeira enxebres, pasadizo de canle de auga en altura (ollo coa altura para a xente que teña vertixe !!!), pasos enxebres en xeral.
Ruta 2 do sábado 09-02-19: Linear de 4 km.: Ó remate da ruta anterior, moveranse os coches 4 kms. aprox. para achegarnos até a Capela de Santa Leocadia. Faremos unha ruta linear polo río do mesmo nome para mirar 4 das 5 fervenzas alí existentes.
Ruta 3 do domingo 10-02-19: A ruta do domingo NON entra como puntuable dentro do “ranking calcorreiro”. Está catalogada como “fóra de concurso” neste senso mais moi recomendable. Saída ás 10 h. do Ferrancho en Cuntis.

Comentarios e organización:  Hai posibilidade de baño practicamente en tódalas rutas.
Hai cañas ó final da ruta de sábado nun bar en Serra de Outes collendo os coches.
Levar luz para mira-los morcegos das covas

Aloxamento: chamar ou mandar mensaxe a Ramón ó 608 986 771. Ofrece gratuita e altruistamente aloxamento na parte superior do Ferrancho mais hai que avisarlle. Chamar ou mandar mensaxe.
Haberá festa rachada sábado á noite no local. Cea consitente en: Empanada de zamburiñas,  churrasco mixto con ensalada e patacas fritidas, pan, bebida e sobremesa. Total: 15 €.
Para a xente que queira quedar domingo, ás 15 horas está previsto o seguinte menú: Pinchos, paella, pan, bebida e sobremesa. Total: 12 €.

Aviso: Calcorreir@s non é máis que un grupo de amigos unidos pola afección aos camiños. Non é unha asociación. Non hai ningún seguro e cadaquén asume a súa propia responsabilidade sobre a súa seguridade.
Procúrase informar sobre as dificultades das rutas pero estas sempre están expostas a imponderábeis. Por iso recomendamos que aqueles que participen nas actividades que propoñemos se federe ou dispoña dalgún seguro.