Próxima saída: Parque Natural de Sanabria (Semana Santa)

Data: Do 18 ao 21 de abril de 2019
Pateada: Parque Natural de Sanabria
Saída: nº 185


Facémonos grandes e vai sendo hora de visita-la Serra do Eixe e pisa-lo maior punto de altitude de Galicia; o límite entre a nosa comunidade autónoma, na provincia de Ourense, e a de Castela e León, concretamente con Zamora. Subiremos até os 2.127 metros de altitude e poremos esa marca no noso currículo sendeirista.

Lugar e hora de saída:
Agás xoves, resto dos días dende o Refuxio San Bernardo na aldea de San Martín de Castañeda ás 09:30 horas.

Tipo de percorrido: Lineais e circulares, de todo.

Previsión:
• Xoves: Facer unha pequena ruta linear por Porto de Sanabria. Ó remate, ir para o refuxio para deixa-las cousas.
Venres: Subir ó teito de Galicia: Pena Trevinca con volta polo Moncalvo. A saída en Laguna de los Peces está a 1.500 metros de altitude e Trevinca a 2.127 m.
Sábado: Dende Ribadelago, facer completo o canón do río Tera e baixar por Moncabril (tamén se pode deixar algún coche na Laguna de Peces e rematar alí).
Domingo: Unión de varios camiños tradicionais; ruta pola cascada de Los Vados; face-la volta completa ó Lago de Sanabria, etc. Posibilidades hai arreo en todo o Parque e fóra del.

Dificultade: 
As rutas máis completas son as da subida ó teito de Galicia, Pena Trevinca (1.217 m.) e face-lo canón completo do río Tera.
Trevinca: de baixa-media a media. O tramo de media sería a subida final ó cumio.
Canón do Tera: NON se poderá facer se chove. Só viable coa pedra seca. É de cualificación media o tramo dende a Cueva de San Martín ata o encoro de Vega de Tera xa que hai que andar a chimpos de pedra en pedra.

Duración aproximada:
Xoves: 4-5 horas xa que comezaremos á hora que cheguemos a Porto de Sanabria dende Puxeiros.
O venres e sábado serán rutas de entre 7 e 8 horas.
Domingo: 6-7 horas xa que logo hai que regresar

De interese:
Xa dende o refuxio teremos a mellor e máis completa das vistas ó Lago de Sanabria dende a terraza exterior. Vistas ó val do Tera e dende o cumio de Pena Trevinca. Coñece-lo encoro roto de Vega de Tera e a súa historia. Aldea de Ribadelago coa ruína da igrexa asolagada. Aldeas do Parque Natural, pontes, bosques, fervenzas, etc.

Comentarios e organización:
Temos reservado un cuarto de 4 liteiras (8 prazas) no Refuxio San Bernardo (615 014 997) da Agrupación Montañeira Zamorana. Polo de agora estamos confirmadas 4 persoas e 2 dubidosas. Podemos mudar de cuarto a un de 12 prazas. O único día que os do refuxio teñen reserva é o sábado que haberá un grupo de 30 persoas. Pero, como chegamos primeiro, eliximos cuarto.
Agás a unión de camiños tradicionais, ningunha das rutas previstas ten cañas no camiño. Baños, sen problema. Entre ríos, encoros e lagos, hai variedade.

Temos a aldea a un par de kilómetros así que non fará falta move-los coches para baixar a cear. A non ser que queiramos ir a calquera dos outros múltiples lugares da zona. Antes, o refuxio tiña unha especie de “convenio” cun restaurante de San Martín de Castañeda onde facían prezo ós aloxados. Preguntaremos a ver se segue esta oferta imperdible.

(a foto é do Grupo de Montaña Orza)

Aviso: Calcorreir@s non é máis que un grupo de amigos unidos pola afección aos camiños. Non é unha asociación. Non hai ningún seguro e cadaquén asume a súa propia responsabilidade sobre a súa seguridade.
Procúrase informar sobre as dificultades das rutas pero estas sempre están expostas a imponderábeis. Por iso recomendamos que aqueles que participen nas actividades que propoñemos se federe ou dispoña dalgún seguro.