Próxima saída: 9 de marzo Padrão – Arieiro – Alhal III. (Flor de Sistelo 2/4)

Data: 09 de marzo.
Pateada: Padrão – Arieiro – Alhal III. (Flor de Sistelo 2/4)
Saída: nº 182

Fixémola a última vez en xuño do 16, con variantes.

Só para xente con acreditado nivel calcorreiro. De Padrão, a 500 mts, á Cerca, a 1240, hai 740 metros de desnivel. O acumulado é moito maior porque hai subidas e baixadas variadas. Non é ningunha coña. Para máis, se ese día chovese moito, ou o anterior, teremos que tirar as botas e os pantalóns para cruzar a Corga das Cavadas. Unha vez que se empece non hai volta atrás, non cruzamos ningunha estrada nin lugar poboado onde se poida abandonar ata o final da ruta. Así que cadaquén que o pense. Xa todos sabemos o que podemos facer e o que non. Non é ningunha matada pero tampouco é apta para calquera.

Dito isto, a pateada é para non perder, unha mostra de xeografía humana. Sendeirismo en estado primordial. Unha morea de brandas de pastoreo e de cultivo, en uso moitas delas (Crastibô, Gémeas, Arieiro, Lamelas, Barugán, Rio Covo, Alhal). Aldeas de Porto Covo e Padrão. Ponte medieval da Estiveirinha. Pontellas, cardeñas, e a inopinada muralla ciclópea da Cerca. Camiños enlousados, bosque mixtos e paisaxes abertas. Garranos e vacas ceibos no monte. Os característicos e impresionantes bancais nas encostadas ribeiras do Vez. Inesquecíbel.

Pero asegúrate de que tes as condicións para gozar dela e non obrigar aos demais a ter que estar pendentes de ti. O ritmo xa o coñecedes: RCE

Lugar e hora de saída: Casa Gallardo. Ás 9:30 horas.

Xuntámonos en Puxeiros, os que queiran, para optimizar o número de coches.
Quen prefira, pode aparecer no lugar da saída que se publicará na Taberna Nova, coma sempre.

Punto de encontro: Ás 10:30 horas en Padrão


Tipo de percorrido: Circular
Dificultade: Media. Atención aos que sempre preguntan polos quilómetros. Aproximadamente 16 pero dificultade media, vale?
Duración aproximada: 7/8 horas RCE 
De interese:
Brandas, paisaxes, A Cerca, arquitectura popular, Padrão, Porto Covo, camiños enlousados, socalcos.
Comentarios e organización:
Cañas: Non hai en todo o camiño. Ao fin da ruta.
Baños si hai.


Aviso: Calcorreir@s non é máis que un grupo de amigos unidos pola afección aos camiños. Non é unha asociación. Non hai ningún seguro e cadaquén asume a súa propia responsabilidade sobre a súa seguridade.
Procúrase informar sobre as dificultades das rutas pero estas sempre están expostas a imponderábeis. Por iso recomendamos que aqueles que participen nas actividades que propoñemos se federe ou dispoña dalgún seguro.