Próxima saída: 17 de maio. Bueu – capela Santos Reis – río Bispo – Hermelo – Bueu

Data: 17 de maio de 2019
Pateada: Bueu – capela Santos Reis – río Bispo – Hermelo – Bueu.
Saída nº: 186



Nove anos xa facendo máis grande se callar o día das nosas letras, as Letras Galegas. Xa sabedes que é un día especial e que o celebramos lendo comunitariamente. Tamén se pode cantar, xogar, facer teatro ou participar do xeito que se vos ocorra. O que é obrigatorio é que tódalas persoas asistentes fagan algunha actividade en lingua galega.

Lugar e hora de saída:
Casa Gallardo. Alto de Puxeiros. Ás 9:30 h.
Xuntámonos en Puxeiros, os que queiran, para optimizar o número de coches. Quen prefira, pode aparecer no lugar da saída que se publicará na Taberna Nova, coma sempre.


Punto de encontro: Ás 10:00 horas no Centro Social do Mar de Bueu, enfronte ó Museo Massó.



Tipo de percorrido: Circular.

Dificultade: 
Baixa. Ollo, non é como nos últimos anos de paseo. Empézase subindo seguido para logo baixar á senda do río Bispo para logo volver subir cara Hermelo. Logo xa quedará só baixar.

Duración aproximada:
8 horas (NON RCE)

De interese:
Museo ó aire libre no centro de Bueu, Pazo da Cruz, Capela dos Santos Reis cuxos planos fixo o afamado pintor Urbano Lugrís (é a única edificación que ten construída), enchenta de muíños polo río Bispo arriba, cruz de Hermelo, pazo e capela do Viso, praia de Loureiro, Bueu.

Hai que resaltar que só existen dous templos dedicados ós Reis Magos nno mundo, un na Catedral de Colonia (Alemania) e outro na Capela dos Santos Reis no Valado, en Bueu. Inaugurouse o 4 de outubro de 1953. Fanse 2 celebracións anuais: o día de Reis e a Ascensión. A obra está plagada de motivos mariñeiros esculpidos en pedra: áncoras, baleas e rosas dos ventos, entre outros. Xustamente o pintor asina os seus cadros e escritos co debuxo dunha áncora.

Comentarios e organización:
É unha ruta atípica no que atinxe ó ritmo. O motivo é que se fan paradas para lecturas varias cada certo tempo, normalmente en puntos de interese ou lugares onde poidamos estar en círculo e compartir aquilo que levemos para a comunidade. Agárdase pois a colaboración de tódalas persoas asistentes xa que é un día moi especial e fainos ilusión mantelo no tempo e conservalo como actividade anual fixa.

Aviso: Calcorreir@s non é máis que un grupo de amigos unidos pola afección aos camiños. Non é unha asociación. Non hai ningún seguro e cadaquén asume a súa propia responsabilidade sobre a súa seguridade.
Procúrase informar sobre as dificultades das rutas pero estas sempre están expostas a imponderábeis. Por iso recomendamos que aqueles que participen nas actividades que propoñemos se federe ou dispoña dalgún seguro.