Próxima saída: 7 de setembro Salvaterra – Fornelos da Ribeira - Salvaterra (IX Aniversario)

Data:  07 de setembro de 2019
Pateada: Salvaterra – Fornelos da Ribeira - Salvaterra (IX Aniversario)
Saída nº: 191

Un paseo amábel para o IX aniversario. Poderiamos chamala a rota dos tres ríos. Calcorreando polas beiras do Miño, Mendo e Tea sen a máis mínima dificultade.

Lugar e hora de saída: Casa Gallardo. Alto de Puxeiros, Concello de Mos. Ás 9:30 horas. Xuntámonos en Puxeiros, os que queiran, para optimizar o número de coches.
Qadaquén debe tomar nota da folla de ruta para chegar ao lugar de saída. NON FACERMOS CARAVANAS.
Punto de encontro:
Quen prefira, pode aparecer no lugar da saída que se publicará na Taberna Nova, coma sempre.
Dentro da muralla, diante da igrexa de San Lourenzo e do Castelo de Dona Urraca.
Hora de saída: 10:20 aprox. Nunca antes de que chegue o persoal de Puxeiros.


Tipo de percorrido: Circular.
Dificultade: 
Nula.
Algunha especificación: Se para alá chove, pode que haxa algún tramo enlamado xa que circulamos polas beiras dos ríos e tende a encharcarse.

Duración aproximada: 6 Horas RCE (Ritmo Calcorreiro Estándar)

De interese: 
Parque da Canuda, monumento ao contrabando, Termas de Oleiros,  Igrexa de Leirado (pequeno aire que se decidirá facer ou non no momento), Carballeira das Fraguiñas. O interese é fundamentalmente paisaxístico. Coma sempre, haberá elementos da arquitectura popular como muíños, pontellas, etc.
A destacar, un moi pequeno aire para coñece-lo conxunto de: Muro, Casa e Fonte da Inquisición na parroquia de Corzáns e moi preto de onde se fai no mes de maio a festa da sementeira. Contra o inicio de ruta.
Tamén se irá visita-la Ponte da Fillaboa xa case ao final. Preto dela está a illa da Fillaboa, proxecto no que se vai levar a cabo a comunicación mediante unha ponte peonil.
Como dato interesante a resaltar, sabede que a Fortaleza de Salvaterra foi declarada BIC no ano 1949 e que é considerada como unha das máis importantes e impoñentes fortificacións do sur de Galicia.

Comentarios e organización: 
Baños e cañas no medio (a partir das 14 horas en punto) e ao fin da ruta.
Como é aniversario, barállanse lugares para facer uns petiscos de celebración. Probablemente sexa na propia Salvaterra de Miño e así aprovéitase que no mes de maio se inauguraron as termas de Oleiros e poderemos ir visitalas. O seu horario é de martes a domingos de 9 a 12 e de 19 a 23 horas. Informarase mediante a Taberna Nova.

(foto do blog Galiciaenteira)
Aviso: Calcorreir@s non é máis que un grupo de amigos unidos pola afección aos camiños. Non é unha asociación. Non hai ningún seguro e cadaquén asume a súa propia responsabilidade sobre a súa seguridade.
Procúrase informar sobre as dificultades das rutas pero estas sempre están expostas a imponderábeis. Por iso recomendamos que aqueles que participen nas actividades que propoñemos se federe ou dispoña dalgún seguro.