Próxima saída: 25 de xaneiro: Montes, regatos e praias de Marín

Data: 25 de xaneiro de 2020 Pateada: Montes, regatos e praias de Marín
Saída Nº: 196
Na véspera do San Martiño de 2018 deu sinais de guía por primeira vez para este grupo: Fernando Otero. O inicio foi un diluvio universal pero quedou nunha chaparrada pasaxeira con paseo por Pakistán incluído.
Este home, un día tanto che está no cumio da Península Ibérica e, ó outro, guiando a Calcorreir@s. Todo un luxo !!!
Comprometido e cumpridor, repite por terras que ben coñece. E non só iso, senón que está a traballar arreo por nos amosar recunchos intransitábeis... Vinde comprobalo !!!
Lugar e hora de saída: Casa Gallardo. Alto de Puxeiros, Concello de Mos. Ás 9:30 horas. Xuntámonos en Puxeiros, os que queiran, para optimizar o número de coches. Qadaquén debe tomar nota da folla de ruta para chegar ao lugar de saída. NON FACEMOS CARAVANAS.
 
Punto de encontro: 
Quen prefira, pode aparecer no lugar da saída que será no aparcamento que hai a carón da entrada da Escola Naval Militar de Marín.
Coordenadas:
42.393706,-8.702809

Hora de saída: 10:00 h. aprox. Nunca antes de que chegue o persoal de Puxeiros.
Tipo de percorrido: Circular.
Dificultade:  Media por causa da distancia e desnivel (27 km +/- e 843 m de desnivel positivo acumulado aprox.)
Duración aproximada: 7 Horas RCE (Ritmo Calcorreiro Estándar)
De interese: Saíndo da Escola Naval Militar de Marín percorreremos rúas antigas da vila pasando por varios petróglifos de Pepito Meijón. A anterior vez soubemos dos do alto do monte e, desta volta, coñeceremos os que hai polas rúas. Subiremos polo regato de Castiñeiras ata chegar ó Lago. Percorremos parte del da autoestrada ata o Lago Castiñeiras na primeira ruta que guiou Fernando Otero o pasado 10 de novembro de 2018. Se daquela quedamos marabillad@s pola postal na que estabamos inmer@s, facendo o curso completo, ficaremos dobremente sorpredid@s.
Baixarase ata Santomé de Piñeiro e habemos subir polo regato Neibo que están limpando e acondicionando para que nós poidamos pasar e gozar.
Pararemos no banco panorámico da Pastoriza onde xantaremos e contemplaremos fermosas vistas para baixar cara á costa e pasar polos sorprendentes e descoñecidos cantís de Ardán. Collerase despois dirección a Marín novamente percorrendo as praias de Loira, Aguete, Mogor e Portocelo.
Comentarios e organización: Recomendación do guía: imprescindible calzado resistente á auga e aconsellables bastóns.
Baños nos regatos, fervenzas e nas praias.
Para as cervexas finais non se collerá o coche. E durante a ruta haberá posibilidades de bebidas frías e quentes.
Pódese dar un paseo pola Finca de Briz logo das cañas de fin de ruta.
Levar luz xa que se fai de noite moi cedo.
Aviso: Calcorreir@s non é máis que un grupo de amigos unidos pola afección aos camiños. Non é unha asociación. Non hai ningún seguro e cadaquén asume a súa propia responsabilidade sobre a súa seguridade.
Procúrase informar sobre as dificultades das rutas pero estas sempre están expostas a imponderábeis. Por iso recomendamos que aqueles que participen nas actividades que propoñemos se federe ou dispoña dalgún seguro.