A bisavoa Wáskuol

A bisavoa Wáskuol

Anxos Sumai

Prezados Reis Magos: Chámome Viviana e teño oito anos. Vivo en Galicia, pero antes vivía na illa Wellington, en Chile. Ía escribirlle ao Viejito Pascuero, pero cambiei de idea porque o Viejito Pascuero está lonxe e xa ten abondo con cruzar canles e xeeiras. Seríalle esgotador atravesar o océano Atlántico para poñerme regalos aquí. É a primeira vez que lles mando unha carta e quería pedirlles unha cousa importante. Pensando que lles pedir, acordeime da bisavoa Wáskuol. Era unha muller kawésqar, un pobo do extremo sur de Chile. Tiñan un idioma propio, que tamén se chama kawésqar. O nome da bisavoa, Wáskuol, significa ‘medusa’. Todo o mundo na illa fala español, coma min. Só algunhas persoas sabían o idioma da bisavoa, pero morreron. Daquela, púxose triste porque non tiña con quen conversar. Cando ela morreu, ninguén máis volveu falalo. Tampouco ninguén volveu usar os ósos de balea cos que mariscaba e se peiteaba. Dende que vivo en Galicia falo en galego coas miñas amigas. E como non quero que o galego desapareza como o idioma wáskuol, todos os días aprendo unha palabra nova. Hoxe pola mañá, busquei a palabra “medusa” nun dicionario e aprendín que tamén se di “augamar”. O nome da miña bisavoa en galego tamén sería Augamar. É precioso! Como teño que rematar, pídolles que sempre leven nos sacos palabras en galego para regalárllelas ás persoas descoidadas que as perden. E se atopan o Viejito Pascuero, díganlle que o estraño e póñanlle de agasallo unha augamar de cores, que se alegrará de atopar unha na friaxe das xeeiras. A súa nova amiga, Viviana.


Lido por Lili
17 de maio 2019
Día das Letras Galegas

Aviso: Calcorreir@s non é máis que un grupo de amigos unidos pola afección aos camiños. Non é unha asociación. Non hai ningún seguro e cadaquén asume a súa propia responsabilidade sobre a súa seguridade.
Procúrase informar sobre as dificultades das rutas pero estas sempre están expostas a imponderábeis. Por iso recomendamos que aqueles que participen nas actividades que propoñemos se federe ou dispoña dalgún seguro.