A derradeira

A derradeira

A última pateada do ano sempre ten algo de resume, ou de despedida. Ou de premio. Máis cando se fai nunha data coma esta, o día despois do Natal. Parece unha excepción, unha boutade, case. Non é a primeira vez que escollemos datas improbábeis. Xa case ven sendo unha tradición.

Xa nas primeiras horas da mañá Puxeiros era testemuña dunha acumulación inhabitual de calcorreiros que se foron arremuiñando ás portas do Gallardo. Iniciámo-la marcha cara o sur, para visitar ese territorio ao que volvemos de cando en vez, como Anteo na fábula, as terras de Coira. Malia sermos redundantes aínda nos quedan anacos do municipio de Paredes que non visitamos. Desta vez sería a contorna de Porreiras, Ferreira e Mozelos a que nos recibiría.

Aínda houbemos de agardar na estrada de Venade a que chegasen todos porque hai quen teima en se perder. Todos non puido ser porque mesmo algún foi parar a máis de setenta quilómetros de alí e nin por teléfono foi capaz de nos dicir onde andaba. Así foi que nos custou arrancar de Venade pero logo de varios intentos conseguímolo. Esa hora que perdemos andounos o dia todo enriba da chepa non nos permitindo moitas alegrías en canto a paradas.

Eramos moitos, non direi que máis que nunca pero si moitos, tantos como que solo en catro ocasións antes se xuntaran máis calcorreiros. Teremos que darlle voltas á idea de tentar non morrer de éxito.

Nada menos que sete Vacas Sagradas tiveron a gala acompañarnos nese día. Sendo esta confraría tendente á esclerose, ten mérito a cousa. O Taberneiro, a Tere de Salceda que nunca se esquece de nos visitar de cando en vez coma unha nai, Lupe e Ríos, imposible imaxinar este colectivo sen eles. Elsa, que tamén se acorda dos seus amigos calcos e mantén un réxime de visitas que fai que non a esquezamos. O Nacho que anda polo mundo e non sempre nos pode acompañar, pero desta vez si e mesmo trouxo a un calcorreiro novo, andarín de vello, o Xurxo. E mailo Alexandre, a máis recente adquisición da nómina das Vacas Sagradas que creo que desta non viña en sandalias.

Ás veces o oco dos que non van nótase máis que outras. Foi o caso de Helena que por primeira e única vez no ano non se deixou ver. Tamén botamos de menos ao Jadaña que deixou mermada á representación do norte do país. E aínda a Iolanda que por reiterarse tanto nas ausencias quedou fora desta maxestática irmandade xusto no día de hoxe.

En canto aos máis asiduos do ano, estaban case todos, faltaban Helena e Jadaña como dixemos pero, ademais dos xa nomeados, estaban tamén Bea Blanco, Padín, Hixinio, Afonso, acompañado esta vez de Pilo Ro, e máis Canedo que había de levar un tombo que o deixou un pouco a tremer.

Non nomearei a todos para que non pareza isto a lista do censo pero estaban moitos, tantos coma trinta e cinco, e outros dous delegados en Caminha perdidos por non seguir a folla de ruta e ir de espabilados. Mesmo había tres que non viñeran nunca nos días do noso señor.

Con tanta xentiña comezamos a nos movimentar seguindo, máis ou menos, o Ribeiro das Cruzes para montante por un territorio un tanto desolado. É interesante patear tamén por veces por lugares degradados. O mundo nin sempre é unha postal. Foi divertido porque houbo algunha vez que cruza-lo rego que é unha actividade que sempre divirte moito se non hai pontella.

Malia o grupo ser longo nunca se partiu aínda que tamén é verdade que non había dificultade ningunha. Así que serpeamos cara a capela de São Lourenço, ese santo churrascado, logo de pasar polas instalacións do minerio de volframio. En São Lourenço sopraba un vento máis que regular que nos acompañou na subida ás Lagoas. Ao descer, xa polo outro lado do monte, a cousa recompúxose. E, logo dun tramo a corta mato, demos en xantar nun cruce de camiños que é, penso eu, un lugar acaído para xantar cando se trata dun grupo de namorados dos camiños.

E así, co ribeiro á nosa dereita, fomos descendo cara Porreiras non sen antes nos demorar un pouco na fila de muíños moi ben conservados que alí teñen. Polo camiño un par de caídas fíxolles recordar a algúns que a forza da gravidade existe.

Foi entón que chegamos á eira comunitaria no barrio das Almas, en Porreiras, que xustifica en grande parte a camiñada. Logo dunha paradiña o Canedo tivo a ben caer pero malia que o corpiño quedoulle abanicando parece que non foi nada.

O noso próximo obxectivo era a Nossa Senhora da Pena, que domina Paredes. Alá fomos, pasamos por unha praia fluvial pero desta non houbo baño, e logo de transitar carreiros parece que hai tempo esquecidos, chegamos á Pena. O bar estaba pechado así que subimos ao miradoiro e demos unhas voltiñas por alí gozando da paisaxe e a compañía.

Próxima estación. O Alto da Giesteira. Alá imos. A pía dos Quatro Abades segue sen aparecer pero algúns calcos valentes subiron ao topo por unhas escadas apenas imaxinadas na rocha.

Naquel mar de bolos graníticos onde algúns aproveitaron a parada para ter un momento de recollemento ollando ao lonxe mentres outros quixeron ir o máis arriba posíbel. Alí, vendo dende abaixo aos que subiran, reflectía eu sobre o feito de que somos un pouco inxustos cos que fan estas cousas. Sempre botamos a andar obrigando a aqueles que gostan destas pequenas saídas a se apuraren, moitas veces - coma esta-, sen que o xustifique o itinerario. Haberá que corrixir isto.

Xa cheiraba a cañas. Tiñamos Venade ao lado practicamente, así que decidimos facer a última tirada e caemos como a praga da lagosta no bar de Venade. Onde, sorpresa!!, agardábannos os exiliados nas partes de Caminha.

Nin todos chegaron cos pes secos pero si co espírito afoute e de ánimo leve.

A última caña da última pateada do ano. Para min, con frecuencia, esta última imaxe reflicte e resume o que foi a xornada e non podo menos que meditar ao redor do facto de que o colectivo non é so a suma das persoas senón que hai algunha cousa máis, un plus que non suma senón que multiplica.

Logo aínda, en Puxeiros, capital calcorreirra, houbo unha xuntanza de máis de vinte calcos que se resistían a dar por terminada a xornada.

E así vos foi o ano que nesta ocasión rematou na noite do vinta e seis de decembro naquelas partes do mundo dese territorio con alma que Paredes de Coura é. O día despois do Nadal.

O dezaseis de Xaneiro, Fornelos veranos de novo.

Zalo de Paramos. Decembro do 2015

Aviso: Calcorreir@s non é máis que un grupo de amigos unidos pola afección aos camiños. Non é unha asociación. Non hai ningún seguro e cadaquén asume a súa propia responsabilidade sobre a súa seguridade.
Procúrase informar sobre as dificultades das rutas pero estas sempre están expostas a imponderábeis. Por iso recomendamos que aqueles que participen nas actividades que propoñemos se federe ou dispoña dalgún seguro.