A Ruta Horacio

A Ruta Horacio

Un non se debe achegar á Peneda de calquera maneira. Aquelas terras inzadas de camiños lousados e salferidas de brandas e currais esixen un respecto, unha certa devoción si se me permite.

As íngremes costas non sempre son fáciles pero sempre compensan o esforzo. A teima de milleiros de persoas durante centos de anos converteu esta serra no que hoxe é. Outro mundo. E nós, que lemos a historia dos lugares cos pés, non podemos facer outra cousa que impresionarnos e sermos conscientes de que este non é un espazo calquera. De que camiñamos por trochas e camiños que nos contan a historia das vidas e das ilusións e dos sufrimentos de moita xente que os usou antes de nós.

Pero na Peneda pode acontecer ás veces que unha personaxe vinda do fondo dos tempos se presente en corpo mortal ante nós coa súa capa serrana e a súa vara para tanguer o gando. Temos o privilexio de ver cousas e maneiras de vivir que xa non existen.

Con estes pensamentos achegueime a Puxeiros no sábado de Antroido, nunha mañá gris. Levaba no meu fardel algunha cousiña para me caracterizar chegado o momento da pateada porque algo de humor haille que botar a isto dos camiños.

Aínda ben non chegara xa comezaron os primeiros calcos a entrar no local do Cachi. Almorzamos con calma comentando as expectativas da xornada que tiñamos por diante. Oito xuntámonos alí e, repartidos en dous carros, aproamos ao sur para seguir alimentando a historia dos calcos.

Pasado o Ribeiro, na freguesía de Lamas de Mouro, vemos diante nosa a outros que tamén eran da mesma tropa pero non quedaran no Gallardo. Así que chegamos xuntos á praza que está aos pes da escadaría da Nossa Senhora da Peneda. Feito o reconto resultou ser que eramos quince para esta ruta que bautizamos co nome de Ruta Horacio.

Ruta Horacio porque foi aquí onde o de Ourense se nos presentou por primeira vez en corpo mortal e onde recibiu o bautismo  calcorreiro. E Ruta Horacio tamén porque foi el quen guiou a de tal día coma este, sábado de carnaval, no ano pasado nunha xornada que xa se vai convertendo en territorio fantástico, Montederramo.

Claro que non solo era Ruta Horacio e Sábado antroideiro senón que, a maiores, era o día dos namorados. Era unha data que o tiña todo.

Veuse que a xente viña preparada para o tema das carnestolendas e moitos tiñan un disfrace ben currado que á par de vistoso e con graza permitía andar con comodidade. Máis ou menos.

E desa guisa botamos a andar escaleiras abaixo para pegar no río da Peneda e seguilo para xusante.

Á altura de Beleiral cruzámo-lo río e demos nun camiño onde houbemos de seguir tras dun rabaño de vacas. Pode ser un problema para os donos das vacas porque adiantalas non podiamos e elas, tendo xente detrás, poden ir tomar vento vai ti saber a onde. Como as vacas son de alí e nós non, fomos pacientes ata que un home desviounas do camiño e puidemos recuperar o ritmo.

Os bosques mixtos, os carreiros cubertos de follasca, trasladábannos a un espazo de conto. Á nosa dereita, ao fondo, o estreito val do Peneda cunhas veigas cativas roubadas á serra para cultivo noutrora e agora case só para pasto.

Na confluencia co río que ven dende máis arriba da Bouça dos Homens e que naquela altura recibe o nome de Río da Veiga, houbemos de cruzar o Peneda outra vez por unha pontella de cemento cru que non vai pasar á historia pola súa beleza, aínda que si o lugar.

De aí metémonos nun mato de toxos e comezamos unha pequena subida que nos levou a un precioso souto por baixo de Rouças.

O grupo colorinchado que eramos continuou entre trochas e levadas e camiños ata cruzar o río que nesta altura xa é coñecido como Río Grande e entrarlle a Rouças por debaixo das saias. Por debaixo e por detrás. Por onde non se nos agarda.

Caemos xusto onda un bar e alí fixemos unha pequena parada para que os que quixeran tomasen café. Tomárono a todo trapo presionados polos que agardaban fora e tiñan presa e frío pero non ganas de café.

Seguimos, pois, río arriba. O río, coma os ríos todos, vai mudando o nome e xa á altura de Gavieira coñécese como río Pomba (aínda máis arriba porta o nome de Milharas pero alá xa nós non chegamos nesta xornada)

Entramos pois, tamén por detrás, no lugar da Igrexa de Gavieira e tivemos outra vez que seguir o ritmo dun rabaño de vacas. Logo dunha fugaz visita á eira comunitaria e á igrexa iniciamos a que había ser a primeira grande subida do día. De Gavieira un camiño lévanos ata a Branda de Busgalinhas salvando un desnivel de uns cincocentos metros.

O día puxérase poallento e na subida mesmo había momentos nos que algún refacho de aire máis frío criaba un certo incomodo. Cando chegamos arriba había algunha unidade que viña moi atrasada. Así que mentres uns volveron atrás outros continuaron e o grupo rompeuse en moitos anacos. O tramo entre Busgalinhas e São Bento podemos dicir que o fixo cada quén case en soidade co pelotón completamente esfiado.

De calquera maneira todos fomos chegando á belísima branda de São Bento á que por certo ninguén lle fixo caso ningún e mentres uns se meteron a comer na taberna outros procuraron abrigo onde ben lles pareceu e comemos alí como puidemos baixo un ceo cincento e unha poalla continua.

Na baixada para volvermos cruzar o Río Pomba dous calcos retiráronse pegando no carreiro que vai ter a Gavieira de volta coa idea de coller alí un taxi ou volver pola estrada porque a subida que nos quedaba por diante era de certa envergadura.

Seica as previsións dicían que ás catro da tarde comezaría a chover. Meu dito, meu feito. Ás catro e dez comezou a chover así que continuamos na mesma, pero con chuvia, subindo aquel camiño que de lonxe parece imposible que poida estar alí.

Arriba comprobamos que o Pântano estaba baleiro polo que calquera posibilidade de baño quedaba descartada. Este é o momento no que parece que alguén dá un sinal e cada quén tira para diante sen máis miras que chegar canto antes. Foi así como descemos o camiño que une o Pântano coa Peneda cruzando a Fraga da Meadinha. Seguramente un dos máis bonitos camiños destas partes, mesmo puidemos comprobar como, malia a hora que era e o día que estaba, había xente que se cruzou connosco e mentres nós baixabamos eles subían.

Así foi como regresamos á Peneda por volta das cinco e pico da tarde e logo de nos mudar uns e outros non, fomos tomar as cañas de rigor e ao pouco entran os dous que se retiraran logo de facer oito quilómetros polo asfalto.

Pero o mellor de todo foi que se nos achegou un fulano, tamén disfrazado, que resultou ser coñecido de algúns dos calcos e que polo visto viñéranos seguindo, máis ou menos, todo o día porque chegara tarde á saída e tentou unirse ao grupo sen conseguilo. Ver para crer.

Como non houbo consenso para a cea, de volta a casa aínda caeron as últimas no Gallardo.

E así vos aconteceron as cousas neste día.

Zalo de Paramos. Febreiro do 2015
Aviso: Calcorreir@s non é máis que un grupo de amigos unidos pola afección aos camiños. Non é unha asociación. Non hai ningún seguro e cadaquén asume a súa propia responsabilidade sobre a súa seguridade.
Procúrase informar sobre as dificultades das rutas pero estas sempre están expostas a imponderábeis. Por iso recomendamos que aqueles que participen nas actividades que propoñemos se federe ou dispoña dalgún seguro.