A Seara

A Seara

Os Calcorreiros convocaron á tropa para levar os seus pasos á parroquia da Seara do Concello de Quiroga, no Courel, un dos máis emblemáticos paraísos do país, pegado por esta parte coa raia das terra de León.

Lola, gran coñecedora daquelas paraxes, foi a nosa guía "oficial" portadora da camisa rechamante calcorreira; todo un privilexio acompañala nas rutas, ilustradas con amenas explicacións, nunha fala galega que non deixaba sospeitar a súa orixe andaluza. Tamén Baldo, apaixoado do Courel, foi outro cociñeiro principal destas xornadas.

O sábado, xa no momento da saída, mostrouse coma un día quentiño, soleado, de ceo despexado, impuxéronse as mangas curtas e os brazos, as caras e os pescozos cubríronse ben de cremas protectoras. Por momentos agradeceríase a brisiña que viña co tempo que lle encargara Baldo a Pemán: "fainos un día como si fora para tí..." -díxolle- e así llo fixo.

A Eira dos Bolos, da Seara, foi o punto de arranque das saídas; a do sábado continuou polo alto da Golada, a devesa do Val, Formigueiros (por unha cota media), aldea e fervenza de Vieiros e o final en Casa Carrete de novo na Seara. O domingo: da Seara á lagoa de Lucenza e regreso polo mesmo camiño.

Vintetrés persoas arrincaron a camiñar e a mañá presentou costas que non eran fáciles, como dice a páxina calcorreira con razón; a subida partíu dos 1.001 m. da Seara para chegar aos 1.550, aproximadamente, nun traxecto de algo máis de 5 km lineares e que nos habían de ocupar algo máis de dúas horas.

Que vistas! Como se vían os montes! cheos das cores primaverais do seu matorral, lilás, amarelos, brancos, verdes,... das carqueixas, xestas, xarillas, piornos e toxos ananos, mezclados cos grises e marróns das pizarras e pedras dos camiños, dos valados, das pequenas contrucións. Un espectáculo visual combinado coas liñas das serras, dos outeiros, dos picos,... Inolvidable.

Na parte máis alta aprecíabanse ben outras montañas e puntos que forman parte doutras rutas: Piapaxaro, Penaboa, Formigueiros... e ao lonxe, ben ao lonxe, a serra dos Ancares e a de Santo Tirso (en León); a vista non tiña fin e tamén chegaba ata Monforte.

Cando se sube forte casi no se fala, a actitude é más contemplativa e reflexiva; xestiónase o esforzo de forma inconsciente e disfrútase co horizonte; despois, no camiño máis chairo as conversas multiplícanse, con uns e con outros, repásase a xeografía, os graffitis, a intolerancia e a soberbia dos cazadores, as condicións do refuxio, os fillos, as outras rutas, a emigración actual, a vida...

A última subida forte da xornada estaba á saída da fervenza de Vieiros, en silencio total para respirar, paso a paso; ao final da camiñata do sábado unha fonte de auga fresquísima, un lameiro entre campos e un río (onde metín os pés ao fondo por esvaramento e quedou probada a impermeabilización das botas).

Antes da cea unha visita a Ferramulín para tomar unhas cervezas no bar da Sra. Fina, que ten unha nota na porta que dice "cando cheguedes pitade"; agasallounos con noces e, para abrilas, prestounos un martelo sin mango (ou pedra, que tamén se chama).

A xornada rematou cunha cea sabrosa e moi amigable como non podía ser doutra forma.

O domingo continuou coa camiñata á lagoa de Lucenza e unha sorpresa magnífica. Xa daremos conta desta xornada e das conclusións.

Saúde.

A segunda xornada tamén amañeceu moi fermosa e antes de saír as equipaxes xa quedaron recollidas, as do refuxio e tamén as do hostal. Outra vez a Eira dos bolos foi o punto de partida e comezou unha subidiña suave pero constante, por carreiros polos que escorregaba a auga ata facer lameiros inevitables.

O camiño outra vez máis era unha escola para as xentes máis urbanas: pontellas de tronquiños de madeira ou dunha única lousa, carreiros de rochas entre valados xeométicos feitos de lascas, ... e as fervenzas salvaxes caídas polas ladeiras dende as alturas entre as árbores, o matorral de novo e os picos coloridos, e de volta habían aparecer os cabalos no prado e as cabras vixiando o camiño ensinando os cornos, e a cabritiña agochada coidada polo seu pastor que ensinou as catro patas e os dentes a quen se atrevera a meterse no seu couto.

Pola subida iámonos encontrando coa rapazada da Operación Benxamín, dos Celtas de Vigo, que seguramente descansaran dos móbiles, dos xogos online, para escoitar os cantos dos paxaros, para falar entre eles e descubrir o gusto pola montaña.

A camiñata do domingo, só de mañá, deu remate ao tempo dos pasos e dos suores; e abríu un broche de ouro inesperado e inesquecible para un grupo de Calcorreiros. Os últimos, pouco a pouco, fumos acollidos novamente pola xenerosidade dos guías da Seara que nos sumaron ao seu xantar familiar sobradamente abundante de alimentos e de afectos. Waldo e Lola leváronnos cos seus: Bea, as Anas e Antonio, Marisa, María e Xulia. Nós só botamos unha man en poñer bancos e mesas na Eira dos Bolos, debaixo da maceira frorida, e dimos conta de chourizos, salchichóns de xabarín e cocho, ensaladas, empanada, xamón asado, e non sei que máis que non daba o corpo para tanto. Marmelo de Bea e queixo, rosquillas e roscón,... Xa vou entendendo iso de que o camiñar engorda.

E antes de marchar: ... agora hai que cantar! e sin máis sairon as voces, as cunchas e pandeireta da mestra Marisa; un repertorio de cantigas populares variadas... e un agradecemento infinito á boa xente que sabe dos camiños porque sabe da humanidade.

Ignacio Oliveira. Maio do 2015
Aviso: Calcorreir@s non é máis que un grupo de amigos unidos pola afección aos camiños. Non é unha asociación. Non hai ningún seguro e cadaquén asume a súa propia responsabilidade sobre a súa seguridade.
Procúrase informar sobre as dificultades das rutas pero estas sempre están expostas a imponderábeis. Por iso recomendamos que aqueles que participen nas actividades que propoñemos se federe ou dispoña dalgún seguro.