Calcorreiros

Calcorreiros dos penedos
e dos toxos e dos fentos.
Peregrinos da ilusión,
camiñantes dos silencios.

A tolemia dos carreiros
próevos nos miolos, alá dentro,
na cerna dos vosos corazóns xenerosos,
naquel lugar da alma ao que solo se chega
a por de pasos. De pasos e suores.
E risas e palabras... e mais pasos...

A por de sermos calcorreiros do mundo,
Compañeiros.

Poetas das canicouvas,
xograres dos congostras,
líricos dos carreiros
que administrades momentos únicos
derrotando as costas e os outeiros
nun poema de pasos e conversas,
e cansazo e alegría... e mais pasos.

Como Anteo recibides a forza da Terra,
coma sísifos malditos
devolvédeslle a ilusión e a pertinacia
de volver subir o monte engadindo quilómetros
unha e outra vez á nosa memoria colectiva.

Que cousa estraña, meus amigos!.
Que relixión extraordinaria!!

Zalo de Paramos. Maio do 2012


Aviso: Calcorreir@s non é máis que un grupo de amigos unidos pola afección aos camiños. Non é unha asociación. Non hai ningún seguro e cadaquén asume a súa propia responsabilidade sobre a súa seguridade.
Procúrase informar sobre as dificultades das rutas pero estas sempre están expostas a imponderábeis. Por iso recomendamos que aqueles que participen nas actividades que propoñemos se federe ou dispoña dalgún seguro.