Feito no 2014


Saída
Data
Comentario
Participantes
71
Río Pedras - Forcados - Canón do Barbanza. Pobra do Caramiñal.
11/01 2014
 Inenarrable. Lupe e Ríos guiáronnos e coidaron de nós como pais amantísimos. Mentres Ríos dirixía a tropa Lupe coidaba da parte traseira do rabaño. Unha pateada de autor como poucas. O Río Pedras, as vistas dos Forcados e mailo canón do Barbanza para non esquecer. As cañas finais, cousa esplendorosa. Unha nova figura calcorreira, ten sete anos e chámase Mateo, chapeau!. A primeira subida custoulle algo a máis d un. Recuperouse a tradición dos baños no inverno. Grandísima cantidade de xente.
40
72
Budiño III. Budiño - Cans - Couso. O Porriño. San Brais.
01/02 2014
 Polo San Brais fomos a Budiño. Superhipermegacicloxénese pero 14 Calcorreiros non se deixaron impresionar e acudiron á cita. Ruta á carta na parte final o que a alongou algo. A fervenza da Galomeira espetellante. Solo 3 entraron no Catabún. Un par de sarabiadas. Descobrimos que en Couso hai un bar. Algúns aínda botaron logo uns bailes na festa. O propietario do nome de Budiño non acudiu.
14
73
Corno de Bico III. Travanca - Corno de Bico - Chavião. Paredes de Coura.
15/02 2014
 O guía esqueceu a camisa oficial. Moi variado todo. Caeu unha sarabiada que vestiu o mundo de Natal. Moita auga por todas partes. Tamén moita xente. Os bosques estaban de película. Ao final tivemos a visita dunha calcorreira ausente do camiño neste día.
27
74
Montederramo - San Mamede. Serra de San Mamede
01/03 2014
 Encontro coa neve. Modalidade, sen comer. Guiounos Horacio que mancado e todo foi quen de nos conducir ata o cume. Romasanta tivo que pasar sen nós porque tivemos que renunciar ao bidueiral. Choveu o tempo todo. Foi dura. Pero o humor non se perdeu e como era entroido fomos disfrazados.
18
75
Pereiro - Castrove. Poio.
22/03 2014
 Pasamos as fervenzas do Pereiro e fomos ver o mundo dende o Castrove. Comida na cafeta do Campo de Golf en Meis. A algúns custoulles algo erguer o cu da cadeira para volver andar. Todo moi relaxadiño. Cruzámonos cunha cantidade enorme de andaríns de Via Auria. Mesmo topamos cunha calcorreira que viña en sentido contrario. Acabamos no furancho O Tizón onde ata botamos uns bailes. A visita a Combarro e ao Mosteiro de Poio quedou para outra ocasión. Apareceu o libro.
24
76
Laxe - Arou - Camariñas (Finde)
5 e 6/04 2014
A Costa da Morte para nós. Os guías, mesmo eivados, deron conta do recado con nota alta. Ceamos un cocido e mesmo houbo baile. Moita area, mar e penedos. Duna do Monte Branco espectacular. Topamos cun Traski que ía diante nosa pintando a ruta. Baños o sábado. O domingo, con reforzos, fomos na directa a rematamos cunhas cañas en Camariñas onde xa un se adiantara e ía pola terceira cando nós chegamos. Óptima a xestión do aloxamento. O tempo impecable. Fixemos unha inspección á gabarra varada preto do Cabo Vilán. Mudamos a orde prevista das pateadas.
14
77
Porto Covo - Arieiro - Alhal. Sistelo
26/04 2014
Cruzamos o Río de Porta Cova como puidemos. A néboa e maila poalla acompañáronnos pola mañá pero logo deixáronnos e permitíronnos ollar ao lonxe. Tres unidades prescindiron do último tramo. Houbo caídas e algún acabou mancado. Contra o fin, baño na Estiveirinha e remate con cañas e viños do Porto en Sistelo. Volta de Marcos recuperado.
12
78
Peso - Barbeira - Covelo. A Lama.
10/05 2014
Visita ao foxo do lobo. Bañámonos un par de veces, comemos na Portela do Acivro, demos unhas voltas polo Covelo, visitamos a Vitureira e rematamos cunhas cañas no Verdugo. Moi agradable.
26
79
Ventosela - Amoedo. (Día das Letras).
17/05 2014
Os carballos e os penedos acolléronnos para as nosas lecturas e as nosa historias. Case todos leron ou contaron algo. Houbo algúns que se perderon pero grazas ás boas artes de Tila conseguimos recuperalos. Cañas nunha gasolineira. Un calcorreiro convidoumos á súa casa e a cousa rematou ben tarde pola noite fóra nun dos muíños de Redondela. Guía a cargo de Helena e Tila. A pedra que fala falou ben nesta ocasión. Visita ao foxo do lobo. Moitos petróglifos e moitas pedras senlleiras.
18
80
Monte Penide. Redondela.
7/06 2014
Moita mámoa, moito petróglifo, moita vista sobre a Ría de Vigo. A Fraga do Fondón impresionante. O guía coma un mestre: medido, sereno, capaz. O Camilo agasallounos cunhas tapas no fin da ruta, onda o cemiterio. Non choveu nin pinga malia que ninguén daba un duro por iso. Unha calcorreira enganchouse ao grupo na hora da comida.
18
81
Corrubedo - Castro de Baroña.
21/06 2014
Moita xente nun pelotón que por veces se fixo moi longo. Houbo algunha perda momentanea que se resolveu sen moito problema. Subida ao Tahume, xantar na igrexa de Seráns e fin no castro de Baroña. Houbo baños. Remate en Boiro, no Arume.
38
82
Monte Louro. Muros
05/07 2014
Todo o día xogando a non meternos na néboa e finalmente conseguimos subir ao Monte Louro. Solo no cume habia nubes. Moita praia. Rematamos cunhas birras na casa de Graciela. Algúns fóronnos abandonando polo camiño. Varios baños.
16
83
Nocturna. Praias Morrazo III. Sta Marta - Nerga - Barra - Cabo Home - Donón - Facho V.
12/07 2014
Cea en Santa Marta. Baños en Barra. Almorzo en Cangas. Dúas retiradas. Noite espléndida. Algunha pasou algo de medo nos toxos. A lúa presente toda a noite. Facía algo de fresco no Facho.
17
84
Santa Marta de Ribarteme - As Neves - Setados.
2/08 2014
Algunhas silvas, e que o guía ia algo espeso fixeron que ás veces tiveramos que dar algunha volta de máis. Choveunos algo pero nada que nos importara moito. Cañas nas Neves onde pensamos que perderamos a un pero finalmente non foi así. Paso polas esculturas de Rebordelo. Ao fin da ruta veunos visitar outro calcorreiro. Absolutamente todos os que pateamos máis a visita rematamos nun furancho.
16
85
Fornelos - Goián - Chamosinhos.
9/08 2014
Baixamos o Tamuxe, que levaba as augas revoltas e perdemos a contemplación da cor turquesa característica, con ameaza de chuvia que se resolveu en nada. Subimos o Miño con paradiña en Eiras para tomar unhas cañas sen pincho asociado. Xantamos en Goián, uns a mesa e mantel, outros a mesa e sen mantel e outros sen mesa nin mantel. Visita ao forte de San Lourenzo. Continuamos pola beira portuguesa e cruzamos un rego pola vía en contra da opinión dun paisano que insistía en que non había paso. Caña en Chamosinhos, xa non todos, logo en Tui, algúns menos e remate en Puxeiros, xa poucos. Aínda que finalmente resolveuse, a maldición das lineais persiste. O follón dos coches parece inevitable.Unha verdadeira animalada liquidar o bosque de ribeira por riba de Cerveira para facer unha pista de cemento. Para botarse a chorar.
14
86
Ponte de Lima - Arão.
23/08 2014
Comezamos a patear á unha e aínda así deunos tempo a parar a comer, a bañarnos, un par de paradas para cañas, unha visita á igrexa de Rubiães e algunha parada pequeniña máis. Chegamos cando apagaban as luces do mundo. Renovamos a foto co cabalo de Décimo Xuño Bruto. Cea no Stop.
8
87
Tui - Caldelas - Tui II (IV Aniversario).
6/09 2014
4º aniversario brillante. Un calco atacado por un remuiño no Miño. Baños. Comida no chiringo de Caldelas onde incorporamos unha calcorreira. Cañas nas Penizas. Visita a Valença. Cea en Puxeiros con visitas para tomar café. A camisa de guía recauchutada por Tere.
14
88
Baiona.
20/09 2014
Moitos acompañáronnos no tour polo arte sagro de Baiona. A chuvia pasou de nós a media mañá. Non nos deixaron cruzar pola fronte do encoro o que obrigou ao guía a buscarse(nos) a vida. Un guía que máis parecía un pai. Guiounos e alimentounos. Paisaxes, curros e arqueoloxía. Espeleoloxía militar nas instalacións de Cabo Silleiro, impresionante. Cañas no camping, merenda no Porto dos Barcos convidados polo amigo Camilo cunha posta de sol de postal e, aínda os últimos, fin de festa en Puxeiros. Durante toda a xornada, uns ían e outros viñan. Algo cargado de asfalto o día, iso si.
15
89
Muxía - Nemiña - Fisterra (Finde)
4 e 5/10 2014
Espectaculares carreiros con vistas que ás veces quitaban a respiración. Un par de baños no mar bravo, algún foi para casa co cu rascado por culpa diso. O sábado foi ben dura cunhas costas de categoría respectable. Houbo quen se perdeu tanto na procura do punto de encontro que foi para Noia e xa non foi nada. Ceas e copas por Fisterra. Cañas finais á beira do Faro de Fisterra.
13
90
Entre Ambos Rios - Vilhares
18/10 2014
Houbo tres que se uniron ao grupo en Lourido. O cruce do río previsto non puido ser, demasiada chuvia, demasiada auga. Houbo un par deles que se perderon e isto obrigou a unha parada máis demorada. Xantar e cervexas na Ermida cun taberneiro moi particular. Moito taberneiro, desta vez. Pola tarde cambiou o mundo e desapareceron as nubes. Cañas ao final e cea no Soajo onde non deben pagar a luz porque estaba ás escuras.
14
91
Vilarinho das Furnas e Geira (Finde)
1 e 2/11 2014
 Case non podemos pasar de Vilarinho porque o alto nível do encoro cubría o camiño. Un paseo trunfal pola serra Amarela. A néboa íase retirando cando nós chegabamos. Á Louriça, propiamente, solo chegaron tres, os demais quedaron a douscentos metros da cima. Visita ás Casarotas. A baixada foi potente. O domingo, con moitas baixas, paseámonos agradablemente polo mato da Albergaría seguindo as pegadas dos romanos. Xusto cando acabamos comezou a chover.
9
92
Ermida - Germil - Cutelo
15/11 2014
Xogando ao gato e o rato coa chuvia e maila néboa. Moita auga no mundo. Xantamos á porta da corte das vacas en Cutelo. Desta vez non abriron o bar para nós e non puidemos tomar café. Si, as cañas finais en San Miguel.
9
93
A Pedreira - Mougás. Oia.
29/11 2014
Organización magnífica. Helena conseguiu facernos entender o asunto dos coches nas pateadas lineares que funcionou perfectamente e iso que desta daba para non o facer porque o grupo chegou ao final dividido. Baño nas Pozas de Mougás. Paisaxes mariñas. Sobreiral do Faro. Moito petróglifo. Cañas finais a carón do mosteiro de Oia. Moita xentiña no camiño. Tivemos dúas guías. Unha coa camisa oficial e outra de paisano. Ao fin houbo unha morea de xente que foi facer unha voltiña extra porque lles parecía pouco. Outros foron adiantando unhas cañas.
29
94
Pena Corneira - Veronza - Fermosas - Valde. Carballeda de Avia.
13/12 2014
Agradabilísimo paseo polas terras de Carballeda de Avia guiados por Carrizo. Dúas unidades incorporáronsenos algo tarde despois de nos perseguir ao trote. Xa non todos subiron ao pé da Pena Corneira como tampouco todos quedaron ás cañas finais. Algúns aínda remataron a xornada nas termas de Prexegueiro.
19
95
Gaxate - Río Xesta. A Lama.
27/12 2014
Cachada das autoridades roncando no coche. Un can caeu polo barranco. Debates políticos intensos. Houbo bota de viño. Comida no palco da música. Todos lle querían comer o chourizo ao Jadaña. O grupo rompeuse para iren ver uns o foxo do lobo e outros non. Remate e cañas en Gaxate.
28
Aviso: Calcorreir@s non é máis que un grupo de amigos unidos pola afección aos camiños. Non é unha asociación. Non hai ningún seguro e cadaquén asume a súa propia responsabilidade sobre a súa seguridade.
Procúrase informar sobre as dificultades das rutas pero estas sempre están expostas a imponderábeis. Por iso recomendamos que aqueles que participen nas actividades que propoñemos se federe ou dispoña dalgún seguro.