Poema de soños

Imos facendo un poema de amor,
camiñando.

Un poema de terra e tempo,
de palabras e silencios,
de olladas  limpas e complicidades
dos que arelan un horizonte infindo.

Un poema escrito cos pés e lido coa alma
dos espíritos afoutes.

Un poema antigo coma o mundo,
renovado a cada paso,
a cada paso repetido, renacido.

Un poema coma o vento,
coma ti, coma min, coma todos nós,
que formamos esa igrexa imprecisa
que ten os seus templos
nas canicouvas e as congostras
e o seu sacramento nas camiñadas.

Trac, trac, trac, avanzando,
coma unha forza da natureza,
determinados, constantes, pertinaces.

Nun labourar continuo, arreo,
onde importa menos chegar que ir.
Menos a meta que o camiño.

Trac, trac, trac, a forza da pegada,
da capacidade de se sorprender a cada volta.
A forza da ilusión que, como nenos pequenos,
conservamos no fondo das miradas.

Un poema de amor, digo,
meus amigos.
Unha cantiga de penedos e de toxos
e de xistras e de fentos,
de regueiros e fervenzas.
De soños, compañeiros.
De soños.

Que falta nos fan os soños!!

Zalo de Paramos. Febreiro do 2014

Aviso: Calcorreir@s non é máis que un grupo de amigos unidos pola afección aos camiños. Non é unha asociación. Non hai ningún seguro e cadaquén asume a súa propia responsabilidade sobre a súa seguridade.
Procúrase informar sobre as dificultades das rutas pero estas sempre están expostas a imponderábeis. Por iso recomendamos que aqueles que participen nas actividades que propoñemos se federe ou dispoña dalgún seguro.