Feito no 2013


Saída
Data
Comentario
Participantes
47
Xunqueiras – Freaza - Moscoso. Fornelos de Montes e Pazos de Borbén.
  05/01 2013
 Os reis trouxéronnos un día luminoso. Divertidos cruces de regueiros por pasos de poldras esvaradíos. Houbo quen se perdeu por ir facer pis cando non correspondía. Visita á fervenza do Machado. Ao final, coas cañas, o biscoito de Sita e mailo Sheridans de Helena. Ao Stendall non o encontramos pero a fraga estaba preciosa. A Cidade, pola que pasamos dúas veces, espectacular.
15
48
Tui - Ribadelouro - Aloia.
 19/01 2013
 O Louro desbordado obrigounos a reformula-la camiñada prescindindo das partes baixas. De Ribadelouro fomos ao Aloia e logo a Tui. Posteriormente fixemos o percorrido histórico pola vila e aínda lle tomamos uns viños. Cando xa todos contabamos co caldo que nos quecera as tripas veu resultar que o restaurante do Aloia estaba pechado por vacacións. Moita auga no mundo aínda que por riba nosa só caeu algo antes do mediodía. O resto do día deixounos tranquilos. Preciosa a Trapa e espectacular o Tripes. Se chegaramos a ir uns días despois aínda comiamos papas. Incidencias telefónicas variadas. Desta vez non levamos ningún fotógrafo. Encontro cunha cadela coñecida.
6
49
Budiño II - Ribadelouro. San Brais.
 02/02 2013
 Só dous homes e por riba un abandónanos ao medio día. Moita lama, algunhas deron co cu no chan. Paso de regueiros por riba de árbores caídas. Houbo que improvisar pontellas con táboas. Choveu un pouco, fixo sol outro pouco. Remate tomando unhas cañas no San Brais. Un can que canta e baila. Pozas, pontellas, pasais, peiraos, muíños… toda unha lección de enxeñería hidráulica popular.
12
50
Chã de Lamas. Vascões - Parada. Paredes de Coura.
 17/02 2013
 Choveu todo seguido aínda que se foi levando con xeito. Como non había onde acollerse e chovía seguido, medio comida en Porto Velho e comida definitiva baixo o CEIA de Chã de Lamas. Cafés, pasteis e chocolates en Paredes.
10
51
Fofe - Maceira - Lourido. Covelo.
 02/03 2013
 Unha retirouse e outro chegou algo prexudicado. Breve baño na Poza do Anguieiro. Incidentes cos cans. Caña e comida na reitoral de Fofe. Visita á serraría dos carranos. Final de xornada con callos e outras viandas en Barciademera onde se incrementaron dedicatorias no libro do Galiñeiro. Moi bonita.
12
52
Penagache II. O Val. (Finde)
15 a 17/03 2013
  O sábado fixemos épica e o domingo lírica. Unha ventanía que se metía nos ósos quixo impedirnos coroar o Penagache. Pero non. Logo un cafeciño en Xacebáns púxonos ben. O domingo unha levada colgada sobre o Arnoia veunos compensar dos sofrimentos do día anterior. Cea, durmida e partidas de futbolín e Monopoly en Abellás onde a familia do noso guía e anfitrión nos malcriou. Anxo atento aos mínimos detalles resolvendo con mestría. O domingo quería xantar á hora do almorzo pero o guía B, Panette, meteu a redutora e turrou de nós monte arriba. Cañas de despedida.
16
53
O Pindo - A Moa - Penafiel - Fervenza de Ézaro
 06/04 2013
 Tivemos o luxo de contar cun autóctono, Manolo, que nos mostrou a Cova da Xoana, levounos ao Penafiel e pastoreounos por aqueles penedos todos. Algunha pasouno algo mal. Topamos unha nova calcorreira polos camiños. A última parte foron tres por un lado e o resto polo outro. Baixada ao Ézaro para non esquecer. Reencontro ao pé da fervenza. Cañas no Pindo.
12
54
Salceda - Caldelas
 04/05 2013
 Fomos cerrando bares polo mundo. Ruta moi variada e moi doada. Un can que se nos uniu sen permiso case nos dá un disgusto cunhas ouvellas. Cañas en Caldelas e Salceda. Tres novos.
12
55
Gargamala. Mondariz (Día das Letras Galegas)
17/05 2013
 Unha manchea de guías leváronnos por Gargamala adiante. Poemas, cartas, historias, contos para o Día das Letras. Tamén mámoas e petróglifos. Tamén lombo enchido e mais ecolambonadas. Un novo calcorreiro natural e veciño do lugar fixo da pateada un luxo ao alcance de poucos. Visitounos a chuvia un par de veces.
9
56
Parada de Achas. A Cañiza
01/06 2013
 Moitos calcorreiros asistiron á cita. Helena subcontratou parte do choio a un guía local que nos aumentou a ruta prevista e púxolle un bar inesperado. Fragas e Sobreiral. Baños. Cañas na Cañiza.
24
57
A Valga - Folón - Río da Cal. Oia e O Rosal.
23/06 2013
 Unha suave brisa acompañounos case todo o día. Baños ao pé dunha fervenza no río da Cal onde unha calcorreira que non levaba comida foi adoptada por Manuel e preparouse unha super ensalada. Algunha caída na auga con perda de lentes incluida. Rematamos cunhas cañas na Riña. Logo de máis dun ano, faltounos Bea, doente a causa dun churrasco.
12
58
Ponte Sampaio - Trasmañó
06/07 2013
 Sete Calcos decidiron que se callar o mundo non se acabaría ese día e saíron facer aquilo que lles gusta. Camiñar. Helena guiounos con mestría e coñecemento polas costas da ría e logo polo interior ata Trasmañó. Cañas en Cesantes e baño demorado nunha praia imposible. Ao fin, máis cañas nos altos de Trasmañó. Festa da Anguía na Pontesampaio, serán en Cabanas onde o choripán se fixo presente. Unha baixa antes do inicio da Fraga do Fondón. Tibia e peroné nunha peza na Taberna da Paulina.
7
59
Río Frío - Miranda. Arcos de Valdevez
21/07 2013
 Abrindo camiños polo medio das silvas. Bosques preciosos. Baños no Rio Frio. Parada para refrescar na fonte de Vilafranca. Moita xente. Novos calcorreiros que veñen de lonxe (Da Estrada e de Boiro). Ao fin algo bo debemos facer que nos convidaron a sardiñas asadas. Seis novos.
22
60
Areas - Pexegueiro - Tetón - Aloia.
03/08 2013
 A tirada fíxose algo longa para algúns. Moita imaxinación e diversidade no cruce do Furnia. Petróglifos do Tetón. Paisaxes esplendorosas. Tomamos unhas cañas no Aloia e outras ao fin da ruta. Algúns ainda fomos dar unha volta a Tui.
10
61
Barbantes - Ponte Mandrás
10/08 2013
 Matada King Size. Deixamos a unha calcorreira tirada e recollémola ao volver, outra case se nos esperrecha polo camiño. Unhas silvas preciosas e ben alimentadas cunha calor calidade premium. Tampouco era curta a tirada. Total que unha coalizón de silvas, estrugas, calor, quilómetros e mosquitos plantaron batalla ás tropas calcorreiras e puxéronllo difícil. Até as árbores se nos tiraban. Un novo calcorreiro tivo que facer horas extras para nos localizar pero finalmente foi quen de dar con nós. Cañas en Mandrás e ao final.
10
62
Nocturna II: Sta Marta - Barra - Facho IV.
24/08 2013
 Comezamos cunha cea no Broullón e rematamos cun almorzo en Cangas. Noite de película coa lúa case chea nun ceo sen nubes malia que parecía que non ía ser así. A xente acabou algo cansa pero sen novidade.
9
63
Ons (3º Aniversario).
07/09 2013
 Un mar xente. Moitos novos decidiron acompañarnos no terceiro aniversario. Día moi bo. Mesmo nos acompañou a maré que nos permitiu ir á Laxe do Crego para ver a tumba antropomorfa. Xantar na Punta Xuvenco. Baños e sesta en Melide. Cañas no Curro e cea en Bueu, no Estrella. Despois de Melide o grupo despendolouse un pouco e algúns xa pasaron de ir á punta do Castelo. Un aniversario como merecemos.
30
64
Monte Faro - Mosteiró - Pte Pedreira. Valença
22/09 2013
 Moita calor, asaltamos desaforadamente as fontes do camiño que por fortuna eran moitas. Cruzámonos cun grupo de Montañeiros Celtas á altura de Mosteiró logo de velo por dentro. Comida e baños na diminuída fervenza da Groba onde houbo un par de intentos de suicidio. Na ponte da Pedreira abandonáronnos oito calcorreiros que reapareceron no Faro ao redor dunhas cañas. Pechaban a luz do mundo cando nos despedimos.
18
65
Castelo de Vitres. Boiro.
05/10 2013
 Mámoas, baños, cruces de poldras de día e de noite, vistas que quitaban a respiración, camiños empedrados, calcorreiros perdidos e encontrados, camisas rechamantes, moitos cabalos e vacas e cabras, comida con caña antes e café despois, camiños na noite, remate con mexillóns. Pódese pedir máis?
15
66
Bertiandos - Ponte de Lima - Ponte da Barca.
19/10 2013
 Os guías leváronnos a trote cochinero pero fomos disciplinados e fixemos o que nos dicían. Cañas imprevistas nun muíño reconvertido en bar e previstas no xantar e ao final. As lagoas tiñan máis auga da que lles cabía e obrigáronnos a unha nova modalidade, andar descalzos. Algúns montaron na chepa de Décimo Xuño. Hermida, sherpa destemido.
21
67
Ribas de Miño - Cima de Atán. Ribeira Sacra do Miño. (Finde).
9 e 10/11 2013
 Dúas pateadas preciosas. O sábado a unha calcorreira custoulle acabar. O domingo dia relaxado de visitas: A Fervenza de Aguacaída, Castro de Marce, Marce e A Míllara. En Marce fomos acollidos por Xesús e familia que posibilitaron a visita á capela e fomos agasallados cunha botella de viño por un paisano. Houbo que se refucir para cruzar un rio e Iolanda case ten que facer a pateada cunha soa bota. As lambonadas a cargo de Marcos e Tere. Ceas no Ruso. Tomamos un viño e máis enchidos nunha terraza ao pé do Miño. Helena bordou a loxística. O Imperio hostaleiro do Ruso non nos pareceu para recomendar.
19
68
Peneda - Ribeiro de Baixo.
30/11 2013
 Elsa non só nos conduciu pola serra con mestría senón que nos fixo coñecedores das lendas do lugar. Óscar convidounos a viño a todos. Fermosa a serra e os camiños lousados. Unha fartura de paisaxes. Comida á beira do Leboreiro, ao pé do Quinxo. As vacas mirábannos pasar. O noso Marcos trochou un pé e foi mancado para casa. A cousa rematou cunhas cañas na Peneda.
10
69
Cenlle - San Clodio
14/12 2013
 Moita xente. Moitos novos. Vinte e cinco calcorreiros e dous ectoplasmas de rumbo dubidoso que fixeron grande parte da guerra pola súa conta nas terras do Ribeiro. Magníficamente guiados por Carrizo, a quen lle acaía a camisa bonita de guía, vimos unha manchea de pazos e casas grandes. Como era a número 69 tiña que ser algo erótica, por iso nos fodeu a todos cunha costa de primeira división xusto cando a xente xa estaba a pensar nas cañas. Algúns foron por aí cabreando taberneiras. Por primeira vez o alcalde veu ter connosco para nos preguntar a opinión sobre a ruta. A cousa acabou cunhas cañas, viños, pinchos en Cenlle. Aínda algúns remataron nas termas de Prexigueiro.
27
70
Viana - Caminha
28/12 2013
 Tramo do Caminho de Santiago pola costa. Peregrinos non vimos ningún. Madrugamos máis do habitual. Fomos e volvemos en tren, parece que os Calcorreiros prefiren o coche porque respondeu pouca xente á convocatoria, pero suficiente. Paseos por Viana e Caminha. Comida en Vila Praia de Áncora. Unha impresionante colección de quintas. Vistas sobre a costa á que fomos pegados nalgúns momentos. Un calco seica veu andando dende Baiona. Outro acabou o día algo prexudicado. Aínda rematamos a festa en Puxeiros onde fomos ter con outros calcos ausentes.
6
Aviso: Calcorreir@s non é máis que un grupo de amigos unidos pola afección aos camiños. Non é unha asociación. Non hai ningún seguro e cadaquén asume a súa propia responsabilidade sobre a súa seguridade.
Procúrase informar sobre as dificultades das rutas pero estas sempre están expostas a imponderábeis. Por iso recomendamos que aqueles que participen nas actividades que propoñemos se federe ou dispoña dalgún seguro.