Tempo de mudanzas

Naceu Calcorreiros, xa o temos lido moitas veces, co intuito de se facer coral. E así foi. Cadaquén foinos regalando a súa ruta, uns máis e outros menos, ata convertermos isto nun serán onde todos bailan cadaquén ao seu xeito revoltos e respectuosos.

Malia que a ‘fin social’ de Calcorreiros é constituír un grupo de amigos aos que nos une a afección polos camiños (que non divulgar nin promover o sendeirismo nin cousa ningunha) o certo é que hai moitas cousas arredor disto que non é propiamente camiñar e que tamén se abordan de maneira coral ao mesmo tempo que se tenta reducir ao máximo a complexidade. Cousas como xerir durmidas, comidas, facer reportaxes fotográficas, crónicas, etc.

Con todo foi habendo cousas que recaeron nas miñas mans ben por decisión propia ou por non haber outros que as fixera.

Pois ben, no ano pasado iniciamos un plan, acho que ambicioso, de modificación desta situación que contradí en certa maneira a filosofía fundacional. Foi fulcral a dispoñibilidade de Helena para asumir a xestión da nosa axenda e non só iso. Posteriormente case foi providencial a aparición de Primi e a súa disposición para nos facer unha nova casa e Taberna.

Seguimos co plan, xa case a finais do 2018, sen presa pero tamén sen pausa. Cousas como as estatísticas, as camisetas, as contas, a figura de ‘Taberneir@’... agardan quen bote man delas.

A data de referencia é fins deste ano. Como sempre non fomos secretos pero si fomos discretos, case todos saben disto porque se ten falado nas pateadas pero pode que os que asisten menos non o soubesen. Agora é o momento de publicitalo. Tampouco moito que isto non o van ler milleiros de persoas pero para quen queira sabelo aí está.

Fin de ano é a data. Para que todo continúe igual precísanse mudanzas.

Zalo
Outubro do 2018

Aviso: Calcorreir@s non é máis que un grupo de amigos unidos pola afección aos camiños. Non é unha asociación. Non hai ningún seguro e cadaquén asume a súa propia responsabilidade sobre a súa seguridade.
Procúrase informar sobre as dificultades das rutas pero estas sempre están expostas a imponderábeis. Por iso recomendamos que aqueles que participen nas actividades que propoñemos se federe ou dispoña dalgún seguro.